Thursday 25 de April de 2024

Rey convida a veciñanza a participar este sábado da pegada de 56 artistas da cidade en “Estudios abertos”


A alcaldesa sinala que con estas actividades se confirma o compromiso “firme e efectivo” do Goberno local coa cultura

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a xornada de portas abertas “Estudios abertos”, que concentrará mañá, de 12.00 a 20.00 horas, a 56 artistas en 29 estudios e dous recintos municipais, o Museo Arqueolóxico de Santo Antón e a Casa Museo Casares Quiroga, nos que se respirará das súas creacións en directo. Haberá representantes da escultura, pintura, ilustración, cerámica, e deseño así como da moda, video-creación, deseño gráfico, nunha posta en escena en que non faltará a poesía nin a música.

Nos 31 espazos, 36 artistas residentes máis 20 invitadas/os ofreceranlle ao público oito horas de actividade en distintos barrios, que sumarán un total de 248 horas de arte. Para a alcaldesa, esta xornada confirma que o compromiso do Goberno local coa cultura non só é firme, senón efectivo: “A un evento coma este unimos os enormes esforzos que estamos desenvolvendo coas arredor de 130 actuacións do
PRESCO ou cos bonos reservados a compras culturais. Tamén estamos avanzando coas salas de concertos e no que respecta á xornada de mañá é só o principio dunha relación entre estes creadores e o Concello que vai contar con novos fitos en pouco tempo”.

Deste xeito, desde Cultura daráselle continuidade a unha iniciativa que partiu das e dos propios creadores en 2016 como unha forma de se amosaren con toda transparencia, de invitaren a cidadanía a entrar no máis íntimo das súas propostas artísticas, o lugar onde as desenvolven.

En tempos de falsa proximidade dixital, Rey explicou que a arte coruñesa foi quen de reivindicar o contacto de primeira man, de volver á proximidade. Así, de mans dos Museos Históricos, a IV Edición de Estudios Abertos propón un día diferente “nun momento de ocio e actividade moi limitada fóra da casa”. A alcaldesa convidou a veciñanza a que saia á rúa para se sorprenderen das marabillas que habitan
neses baixos en que apenas repararon pero que están a poucos metros dos seus fogares: “É tempo de consumirmos cultura e de achegármonos a ela” e que as persoas que forman parte do seu tecido sintan o calor da xente neste momento tan complicado. Por outra parte, salientou que se cumprirán todas as medidas anti- Covid e que non haberá ningún tipo de aglomeración, “pero si esperamos que haxa un constante fluír que demostre que A Coruña segue sendo un referente da creación”.

Pola súa parte, a comisaria da actividade, Leticia Castromil, explicou a importancia de que o Concello se comprometa a que “Estudios abertos” se realice igualmente, dunha forma, iso si, máis tranquila para que o ano que vén se reforce con máis participantes e estudios nesa posta en común que dá conta de todo o talento que reside na nosa cidade.

A localización dos estudios e a listaxe das e dos artistas protagonistas pódese consultar a través do seu Facebook e Instagram.